REVISTA AUTÓCTONAS Nº 14

Decembro 2021
[REVISTA AUTÓCTONAS Nº 14 - uploads/9/news/autoctonas-galegas-14.png]

Como todos os anos por estas datas publicamos o número anual da revista “AUTÓCTONAS GALEGAS” e tratamos moitos temas de interese, como relatamos a continuación:

En 2021 cumpríronse dúas décadas do nacemento da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e que mellor maneira de celebrar este aniversario que poñendo nas vosas mans un novo número de Autóctonas Galegas, no que recollemos unha representación do traballo desenvolvido ao longo destes 365 días.

Con todo, tamén lle poñemos punto e final a un ano no que non só tivemos que seguir convivindo coa pandemia da covid-19 e os seus efectos senón que, para todos os que integramos a gran familia de Boaga, 2021 supuxo o adeus definitivo a dous compañeiros aos que botaremos moito de menos.

José Blanco Blanco, máis coñecido como Pepe de Cimadevila, deixábanos a comezos do mes de maio. Presidente da Asociación de Criadores da Raza Bovina Vianesa (VIANEGA) e mais de BOAGA, o seu traballo a prol da recuperación das nosas razas nunca será esquecido, mais tampouco o serán a súa bondade e entrega aos demais, o seu sorriso perenne e a súa conversa agradable e enriquecedora.

A quen tampouco esquerecemos é a Manuel Brito. Da súa casa de Olelas (Entrimo, Ourense) saíron a meirande parte das cachenas coas que o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia-Fontefiz iniciou a recuperación desta raza na década dos oitenta e, anos máis tarde, converteuse no primeiro presidente da Asociación de Criadores da Raza Bovina Cachena (Cachega)

A Pepe e a Manuel dedicámoslles o Premio Agader ao Desenvolvemento Rural 2021 na categoría de Sector Agrogandeiro que nos concedeu a Xunta de Galicia, un recoñecemento que pon en valor o traballo de técnicos e gandeiros, responsables do mantemento do noso patrimonio xenético e natural, sen os cales a contribución de Boaga na defensa e potenciación das razas autóctonas en perigo de extinción sería, sinxelamente, imposible.

Este ano que remata tamén marcou a nosa volta á Semana Verde despois do parón de 2020 e, nas páxinas seguintes, atoparedes seis entrevistas feitas a criadores da raza Galiña de Mos, que nos contan a súa experiencia neste salón. A elas súmanse as entrevistas a Gemma San Pedro, criadora de Cabra Galega; a Xoán González, criador de Ovella Galega, e a Mario Nogueira e Ana Gómez, un matrimonio que cría becerros da raza Cachena para logo vendelos na súa carnicería do Barco de Valdeorras.

Nos apartados máis técnicos da publicación incluímos un artigo centrado na normativa aplicable á comercialización de carnes dende as explotacións gandeiras ata o consumidor final e reproducimos unha conversa co Director Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e co subdirector de Gandería, Jorge Enrique Mourelo, sobre o recente logro sanitario de erradicación da tuberculose bovina acadado pola nosa comunidade. Ademais, facemos un repaso polas actividades de divulgación promovidas dende a Federación ao longo do ano.

No apartado reservado á Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asopor­cel) poderedes consultar as súas actividades anuais, ademais de ler o seu artigo técnico sobre o proxecto Forescelta e mais as entrevistas realizadas no Salimat 2021 aos criadores Isabel Costas e Mario Rouco.

Agardamos que lle saquedes proveito e desfrutedes de todo este variado contido ao que lle demos forma con moita dedicación e agarimo. Oxalá que a seguinte edición desta cabeceira sexa a primeira pospandemia e que nela recollamos novos éxitos a prol da consolidación das nosas razas autóctonas e dos seus produtos.

 

A revista pódese consultar no seguinte enlace e tamén, no menú lateral dereito da páxina web.

AUTÓCTONAS Nº 14

Felices Festas e os mellores desexos para o ano 2022, esperemos sexa o ano da recuperación definitiva!!