A asociación
A Asociación de Gandeiros da Raza Cabra Galega (Capriga) foi constituída en setembro de 2010 como unha asociación sen ánimo de lucro, con catro socios fundadores. A partir dese momento foron ingresando nela numerosos gandeiros,
A todos eles os une a preocupación de recuperar esta raza e levala ao lugar que merece como patrimonio xenético, histórico e cultural da nosa comunidade, polo que traballan activamente na súa recuperación e conservación.
Capriga conta co recoñecemento oficial por parte da Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia como asociación responsable da xestión do Libro Xenealóxico da raza Cabra Galega e do desenvolvemento do seu Programa de mellora.
Fins da asociación
- Integrar a todos os criadores da raza Cabra Galega interesados na súa conservación e mellora. A tal fin poderá concertar coa Administración auxilios técnicos, económicos, exencións e as bonificacións que procedan.
- Protexer e promocionar estudos de aspectos da raza para a definición de criterios zootécnicos que se consideren convenientes e pedir á Administración a regulación daqueles que pola súa competencia lle correspondan.
- Exercer o control xenealóxico dos animais da raza, creando un regulamento de inscrición e rexistro, con carácter provisional, e posteriormente definitivo se así se acordase coa Administración, así como executar cantas actividades e funcións lle foran confiadas por ditos organismos.
- Organizar reunións científicas, culturais ou de promoción da raza e difundir a súa actuación a través das publicacións que se consideren máis adecuadas.
- Colaborar coa Administración para a constitución, conservación e mantemento dun Banco de Xermoplasma.
- Calquera outro fin que se considere necesario para os intereses dos seus asociados.
Estrutura administrativa
Capriga está formada por dous órganos de dirección e xestión, cada un deles cunhas funcións determinadas:
- Asemblea xeral de socios: é o órgano de expresión da vontade da asociación e está formada por todos os membros da asociación.
- Xunta directiva: é o órgano de goberno, xestión, administración e dirección da asociación. Está composta por un presidente, un vicepresidente, un secretario-tesoureiro e dous vogais. O secretario executa os acordos da xunta directiva e encárgase daquelas funcións que lle sexan delegadas expresamente pola xunta directiva ou pola asemblea xeral.
Poderán ser socios de Capriga todas aquelas persoas titulares ou cotitulares dunha explotación caprina posuidoras de polo menos un exemplar da raza Cabra Galega inscrito no Libro de Rexistro Xenealóxico.