A Asociación
A Asociación de Criadores da Raza Ovella Galega (Asovega) foi constituída en xuño de 2000 como unha asociación sen ánimo de lucro, con seis socios fundadores. A partir desa data foi congregando numerosos gandeiros que ingresaron como socios, todos coa preocupación común de recuperar a raza Ovella Galega e levala ao lugar que se merece como patrimonio xenético e cultural da nosa comunidade.
Asovega conta co recoñecemento oficial por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar para o Programa de Recuperación da Ovella Galega e a xestión do seu Libro Xenealóxico.
Fins da Asociación:
- Integrar a todos os criadores da raza Ovella Galega interesados na súa conservación e mellora. A tal fin poderá concertar coa Administración Pública auxilios técnicos, económicos, exencións e as bonificacións que procedan.
- Representación, defensa e promoción dos intereses económicos, sociais, profesionais e culturais dos seus afiliados.
- Fomentar a solidariedade dos seus afiliados, promocionando e creando servizos comúns de natureza asistencial.
- Intervir nas relacións laborais, contribuíndo á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais.
- Celebrar convenios colectivos de traballo e ostentar representación institucional fronte a organismos públicos.
- Protexer e promocionar estudos de aspectos da raza para a definición de criterios zootécnicos que se consideren convenientes e pedirlle á Administración a regulación daqueles que pola súa competencia lle correspondan.
- Exercer o control xenealóxico dos animais da raza, creando un regulamento de inscrición e rexistro, con carácter provisional, e posteriormente definitivo se así se acordase coa Administración, así como executar cantas actividades e funcións que lle fosen confiadas polos devanditos organismos.
- Organizar reunións científicas, culturais ou de promoción da raza e difundir a súa actuación a través das publicacións que se consideren máis adecuadas.
- Colaboración coa Administración para a constitución, conservación e mantemento dun Banco de Xermoplasma.
- Calquera outro fin que se considere necesario para os intereses dos seus asociados.
Estrutura administrativa:
Asovega está formada por dous órganos de dirección e xestión, cada un deles cunhas funcións determinadas:
- Asemblea xeral de socios: órgano de expresión da vontade da asociación, formada por todos os membros da asociación.
- Xunta directiva: órgano de goberno, xestión, administración e dirección da asociación. Está composta por un presidente, un vicepresidente, un secretario-tesoureiro e catro vogais.
- Secretario executivo: executa os acordos da Xunta directiva e aquelas funcións que lle sexan delegadas expresamente pola Xunta directiva ou Asemblea xeral.