Descargar PDF en alta resolución

 Esta raza resulta idónea para explotacións en réxime extensivo-semiextensivo, xa que a súa rusticidade conférelle unha perfecta adaptación ao medio, polo que son animais verdadeiramente especialistas en aproveitar os recursos naturais da nosa comunidade, que lles resultan suficientes para desenvolver todo o seu potencial xenético.

Ademais estes animais posúen unhas importantes cualidades produtivas debidas á súa alta fecundidade e prolificidade, sendo normais os partos dobres e moi frecuentes os múltiples. Estas características, engadidas ao seu excelente instinto maternal e á súa alta produción leiteira, permiten que as femias logren sacar adiante os cordeiros practicamente sen o apoio externo do gandeiro. A todo isto hai que engadirlle a gran facilidade de parto que posúen, a súa alta rusticidade e a gran resistencia ás enfermidades.

A aptitude principal e case exclusiva da raza é a produción de carne de alta calidade, moi valorada desde sempre en Galicia. A súa carne conta cunhas características organolépticas especiais (cor, olor, sabor e textura) que a fan totalmente distinta ás demais. Isto, unido ao método de produción tradicional utilizado nas explotacións, conférelle unha calidade difícil de superar. A produción de leite é alta pero, debido á alta prolificidade da raza, utilízase integramente na alimentación dos cordeiros.

Dadas as súas características, resulta unha raza moi a ter en conta para ser criada na nosa comunidade, xa que ningunha está mellor adaptada ás particularidades galegas.
 

¿Onde Mercar?