Benvidos á páxina web da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga).
Galicia conta desde tempos remotos cunha variada riqueza de razas gandeiras que son esenciais na adaptación ás condicións socioeconómicas e ambientais cambiantes, incluído o cambio climático, e son fundamentais para a produción agrícola sostible.
Moitas delas víronse nas últimas décadas situadas á beira da extinción, pero as medidas que puxeron en marcha a administración autonómica e as asociacións de criadores, principalmente no último decenio, favoreceron unha paulatina recuperación duns recursos que non debemos permitir que se perdan.
A Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) é unha federación de asociacións sen ánimo de lucro que se constitúe en febreiro de 2001 e que nace coa finalidade básica de conservar e recuperar o patrimonio zooxenético que representan as razas autóctonas en perigo de extinción dentro da nosa comunidade.
Estas razas constitúen ademais un patrimonio histórico e cultural da nosa comunidade onde ademais de axudar na xestión do territorio e na modelaxe das distintas paisaxes da nosa terra serven como exemplo de gandería sostible.
FINS DA FEDERACIÓN
-
Conservación, recuperación e mellora do gando autóctono de Galicia en perigo de extinción. Para tal fin poderá concertar con Administracións Públicas ou entidades privadas os auxilios técnicos, económicos, exencións e bonificacións que procedan.
-
Potenciar os medios para elevar a produtividade e rendibilidade das explotacións dos seus federados, así como a defensa, asistencia, asesoramento e promoción sobre os intereses económicos, sociais, profesionais e culturais dos seus criadores asociados, procurando un maior nivel de produtividade e rendibilidade das explotacións, promovendo e creando servizos comúns de natureza asistencial.
-
A colaboración con outras asociacións ou federacións afíns, tanto a nivel autonómico coma estatal ou internacional, para establecer as relacións e os acordos que se estimen convenientes.
-
Formular propostas á Administración sobre accións, reformas ou medidas para o desenvolvemento e mellora do gando autóctono de Galicia en perigo de extinción. Neste senso, poderá participar en todas aquelas propostas que afecten ao gando autóctono de Galicia en perigo de extinción a nivel autonómico, estatal ou comunitario.
-
Xestionar o funcionamento dos libros xenealóxicos das razas de gando autóctono de Galicia en perigo de extinción.
-
Ser os interlocutores válidos dos criadores de razas autóctonas galegas en perigo de extinción coa administración para todos os asuntos relacionados co sector dentro do seu ámbito territorial, e representante dos criadores de gando autóctono de Galicia en perigo de extinción para as cuestións de carácter autonómico, estatal ou internacional.
-
A elevación do nivel sanitario e zootécnico das súas explotacións asociadas mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades animais e mellora das súas condicións hixiénicas, que permitan mellorar o nivel produtivo e sanitario dos seus produtos.
ESTRUTURA ADMINISTRATIVA
Os órganos de Goberno de Boaga son :
-
Asemblea Xeral: formada por dous representantes das asociacións federadas.
-
Xunta Directiva: órgano de goberno, xestión, administración e dirección da asociación. Está composta por un presidente, un vicepresidente, un secretario-tesoureiro e catro vogais.