ROCÍO GARRIDO PRESENTARÁ O RECEITARIO “COCIÑANDO COAS RAZAS AUTÓCTONAS” NA FEIRA DO LIBRO DE OURENSE

uploads/9/news/portada-cocinando-coas-razas-autoctonas.jpg

05.06.2013. Este sábado 8 de xuño, ás 12.00 horas, Rocío Garrido Caramés presentará o seu receitario Cociñando coas razas autóctonas na Feira do Libro de Ourense, que está instalada na Alameda da cidade. A continuación, a autora asinará exemplares nas casetas das librerías onde se vende esta publicación.

O receitario, editado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga, xa conta no seu haber cun dos Gourmand World Cookbook Awards de 2012, galardóns de ámbito internacional cos que se distingue a produción editorial gastronómica e que recoñeceron esta publicación coma o mellor libro de cociña sostible de España.

Cociñando coas razas autóctonas inclúe receitas elaboradas pola propia autora con carnes de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción: Ovella Galega, Cabra Galega, Galo Mos, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega e as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. No receitario tamén vén o modo de preparación de varias larpeiradas elaboradas a base de leite, ovos e queixo fresco, todos produtos secundarios derivados das devanditas razas.

Rocío Garrido Caramés (Sanxenxo, 1976) é afeccionada á cociña e editora do blog La cocina de mi abuelo.


|
| © Boaga 2017