ROCÍO GARRIDO FIRMOU EXEMPLARES DE “COCIÑANDO COAS RAZAS AUTÓCTONAS” NA CIDADE DO LÉREZ

[ROCÍO GARRIDO FIRMOU EXEMPLARES DE  “COCIÑANDO COAS RAZAS AUTÓCTONAS” NA CIDADE DO LÉREZ - uploads/9/news/foto_roci.jpg]

27.05.2013. Este sábado, Rocío Garrido Caramés presentou o seu libro de receitas Cociñando coas razas autóctonas na Feira do Libro de Pontevedra. A continuación, a autora firmou exemplares na caseta da Libraría Pedreira.

O receitario, editado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga, gañou recentemente un dos premios Gourmand World Cookbook de 2012, galardóns de ámbito internacional cos que se distingue a produción editorial gastronómica e que recoñeceron esta publicación como o mellor libro de cociña sostible de España.

Cociñando coas razas autóctonas  inclúe receitas elaboradas pola propia autora con carnes de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción: Ovella Galega, Cabra Galega, Galo Mos, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega e as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. No receitario tamén vén o modo de preparación de varias larpeiradas elaboradas a base de leite, ovos e queixo fresco, todos produtos secundarios derivados das devanditas razas.

Rocío Garrido Caramés (Sanxenxo, 1976) é afeccionada á cociña e editora do blog La cocina de mi abuelo. O denominador común de todas as receitas de Cociñando coas razas autóctonas é a sinxeleza, xa que se poden facer cuns poucos ingredientes coñecidos e asequibles, “que todo o mundo ten no refrixerador”.

Este é o primeiro libro da autora pontevedresa, cuxa presentación oficial tivo lugar o pasado xuño no Salon de Alimentación do Atlántico (Salimat). Neste acto, Rocío puntualizaba que “cando un produto é bo non se necesita moito condimento”.