Posta de largo dos produtos derivados das razas autóctonas

uploads/9/news/foto_posta_de_largo.jpg

O 3 de novembro realizouse no recinto feiral de Silleda (Pontevedra) unha presentación de produtos gastronómicos derivados das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción ante máis de 180 profesionais dos sectores da hostalería, a carnicería, a venda delicatessen e o turismo, ademais de medios de comunicación. Tratouse dun acto exclusivamente profesional coorganizado pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Consellería do Medio Rural, coa colaboración de Boaga e Puraga, co obxectivo de promocionar de forma conxunta todas as razas e impulsar o consumo e a comercialización da súa produción.

A parte máis atractiva da xornada foi a completa degustación de pratos elaborados con carnes destas razas polos alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, baixo a dirección do profesor Rafael Brantuas; Boaga encargouse de contactar cos criadores para abastecer aos cociñeiros das distintas pezas solicitadas. Integraron o menú estas 11 propostas culinarias: sopa de Galiña de Mos con castañas asadas, Galo de Mos en escabeche con follas frescas, tirabuzóns de presa de Porco Celta con mollo de boletos, Cordeiro de Ovella galega con mollo de améndoas, cabrito de Cabra Galega á cazadora con ceboliñas, poldro de Cabalo Galego ao viño de mencía, roastbeef de tenreira Cachena, tacos ao allo de tenreira Caldelá, tenreira Frieiresa ao caldeiro, carbonada de tenreira Limiá e carpaccio de tenreira Vianesa.

O xantar foi inaugurado polo daquela conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e conforme se ía servindo cada prato, os técnicos das asociacións de criadores de cada raza explicábanlles aos comensais as principais cualidades do produto.

O programa deste evento incluíu ademais unha serie de charlas técnicas previas á degustación. A sesión comezou cunha presentación das características morfolóxicas e cárnicas das razas autóctonas galegas a cargo do director de Boaga, José Ramón Justo Feijoo, quen na súa intervención destacou que para que exista unha demanda destes produtos é fundamental que antes se dean a coñecer.

Seguidamente interveu Constantino Bragado, mestre carniceiro do Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca), que falou das novas orientacións no comercio minorista de carnes e insistiu na necesidade de adaptarse aos tempos e buscar a profesionalización tanto dos gandeiros coma dos transformadores industriais e do persoal técnico das oficinas. No terceiro relatorio da mañá tamén participaron traballadores do Ceteca. Daniel Franco, responsable do Laboratorio Físico-Químico, e José Manuel Lorenzo, responsable do Laboratorio de Cromotografía, profundaron nas calidades da canal e carne das razas autóctonas galegas e nos aspectos prácticos para unha correcta maduración e conservación; tras a explicación levaron a cabo unha cata de lombo de poldro para testar a aceptación deste produto entre os consumidores.

A quenda de conferencias rematou coa cooperativa galega Monte Cabalar e a presentación que fixo dun novo salchichón preparado con carne magra de poldro e touciño de Porco Celta, salientable pola pouca cantidade de graxa, a riqueza en omega 3 e o suave sabor a caza.

Ao longo deste día, o recinto feiral mantivo unha exposición de varios exemplares de autóctonas no exterior, e da carne crúa destes animais e mais de folletos informativos, catálogos e revistas no interior das instalacións.


|
| © Boaga 2018