BOAGA PREMIO DE CULTURA GASTRONÓMICA 2018

3 de novembro de 2018. Vigo
uploads/9/news/olym3938jpeg.jpg

Este ano 2018, fomos premiados na XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica.

O labor de criadores e técnicos, que con esforzo e ilusión veñen facendo xa dende o ano 2001, momento en que se constitúen as asociacións de criadores das razas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Ovella Galega, Galiña de Mos e Cabra Galega, e á federación, BOAGA, foi premiado e recoñecido nestes prestixios Premios da Crítica Galicia, que se instituen coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.

O xurado, que estivo formado por Alberto González Prelcic, cociñeiro, en representación do Grupo Nove, gañador da edición anterior; Teresa Cuíñas Lavandeira, xornalista da TVG; Taciana Díaz Mariño, xornalista; Manuel Hermo Piñeiro, profesor da escola de Hostelaría de Pontevedra; María Mosquera Leal, e-asesora, colaboradora da revista Benbo; Alejandro Rubín Carballo, director de Expourense e Luís Marconi Suárez, secretaría, en representación da APCG, acordou conceder o premio de cultura gastronómica 2018, de entre tódalas propostas presentadas, á Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), por “ter impacto en todo o territorio, asentar poboación en contornas rurais, incorporar xente nova ao traballo gandeiro, coidar colateralmente do medio ambiente e facer chegar o produto aos mercados máis selectos de España”.

Este premio foi un recoñecemento por potenciar e ser reflexo de riqueza, innovación, compromiso e posta en valor da identidade gastronómica de Galicia. Representando todo o proceso que vai dende a produción ata o prato, ademáis de recuperar ás razas autóctonas galegas e os produtos propios e únicos da nosa terra.

O prestixioso galardón, foi outorgado en anteriores edicións a entidades coma Grupo Cuevas, Artesáns da Pesca e no pasado ano ao Grupo Nove. Recolleu o premio en nome de BOAGA, o Director Técnico das asociacións de criadores das razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, D. Juan José Lama López.

Os outros dous finalistas foron Terras da Mariña, Sociedade Cooperativa Galega e Mexillón de Galicia D. Orixe Protexida.

Máis imaxes no seguinte enlace PREMIOS DA CRÍTICA DE GALICIA 2018


|
| © Boaga 2019