AS RAZAS CACHENA CALDELÁ FRIEIRESA LIMIÁ E VIANESA PRESENTAN O SELO 100% RAZA AUTÓCTONA EN SALIMAT

Semana Verde-Salimat 2016. Silleda. 9-06-2016
uploads/9/news/logos-100-raza-autoctona-bovinas_8OytOLK.png

ESTE DISTINTIVO DE CALIDADE, INICIATIVA DAS ASOCIACIÓNS DE CRIADORES DE RAZAS AUTÓCTONAS E DO MAGRAMA, TEN COMO UN DOS SEUS OBXECTIVOS QUE OS CONSUMIDORES RECOÑEZAN A PROCEDENCIA DOS PRODUTOS

A 39ª FEIRA INTERNACIONAL ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA, a cal se celebrará do 9 ao 12 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, acollerá a presentación oficial do selo 100% Raza Autóctona das razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa.

Haberá unha presentación oficial o primeiro día da feira pola tarde, e está organizado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA), a Asociación de Criadores de Raza Bovina Cachena (CACHEGA), a Asociación de Criadores de Raza Bovina Caldelá (CALDEGA), a Asociación de Criadores de Raza Bovina Frieiresa (FRIEIREGA), a Asociación de Criadores de Raza Bovina Limiá (LIMIAGA) e a Asociación de Criadores de Raza Bovina Vianesa (VIANEGA). A presentación incluirá degustación de produtos das cinco razas na que colaborará o cociñeiro Antonio Díaz, do restaurante Andarubel - Fragas do Eume o cal conta cunha ampla experiencia na elaboración de pratos coas razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Tamén haberá productos das razas bovinas expostos marcados xa co logotipo 100% raza autóctona no Salón da Alimentación do Atlántico- Salimat, no espazo adicado ás razas autóctonas denominado "De Nós para Vós". 

O logotipo 100% Raza Autóctona é unha iniciativa das asociacións de criadores de razas autóctonas e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama), que se enmarca no Programa Nacional de Conservación, Mellora e Fomento das Razas Gandeiras.

Os seus obxectivos son crear un selo único, diferenciador e recoñecible que permita aos consumidores coñecer a procedencia dos produtos, e contribuír á difusión da información relativa ás razas incluídas no Catálogo Oficial de Razas de Ganado de España, favorecendo a súa conservación, mellora e fomento e tamén á creación dunha imaxe atractiva de cara a fomentar o coñecemento e o consumo, dotándoas de valor.

Tras unha crecente demanda por parte dos consumidores de produtos que saiban e se críen como os de antes, diferentes, sans, diferenciados e de cercanía, CACHEGA, CALDEGA, FRIEIREGA, LIMIAGA E VIANEGA, veñen de conseguir o recoñecemento por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), para o emprego deste selo para as respectivas razas, nacendo así os logotipos 100% Raza Autóctona Cachena, 100% Raza Autóctona Caldelá, 100% Raza Autóctona Frieiresa, 100% Raza Autóctona Limiá e 100% Raza Autóctona Vianesa.

Trátase dun selo oficial, identificador dos produtos de animais destas cinco razas, que  oferta aos consumidores as garantías da orixe dos produtos que consumen, que permite unha apertura dos gandeiros ao comercio e á hostalería e tamén que estas razas que estiveron nalgún momento ao borde da extinción, volvan ser unha parte importante do  patrimonio galego. Funciona coma unha marca de calidade á que se poden acoller tres tipos de operadores: os produtores, os transformadores e os comercializadores.

Os restaurantes, carnicerías e outros puntos de venda poden inscribirse para o emprego deste logotipo, existindo desta maneira información que permite aos consumidores saber onde poden atopar os produtos destas razas gandeiras.

En canto ás 5 razas bovinas Galegas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, a presenza do logotipo está autorizado para a carne e produtos cárnicos, leite, queixo e produtos lácteos, e incluso nos produtos peleteiros, e oferta aos consumidores a garantía de pureza de raza.

As asociacións CACHEGA, CALDEGA, FRIEIREGA, LIMIAGA E VIANEGA confían en que o logotipo 100% Raza Autóctona, que xa está en pleno funcionamento e do que xa están rexistrados arredor de 80 operadores autorizados, permita aos criadores diferenciar e valorizar os seus produtos, froito do seu traballo, ofrecendo transparencia na orixe dos mesmos. Coas razas autóctonas recupéranse os sabores de antes, a importancia do xenotipo, o sabor de raza.


|
| © Boaga 2017