Os nosos recursos xenéticos animais. Xunta de Galicia.

A Limiá toma o seu nome dunha das dúas comarcas naturais do sur de Ourense, A Limia, que tamén constitúe a área xeográfica por onde se estende, xunto co val de Monterrei, aínda que hoxe en día a penetración na provincia de Lugo é significativa.

 

Estudos filoxenéticos recentes corroboran a hipótese admitida ata agora pola maioría de zootecnistas, que relacionan a raza co Bos primigenuis estrepsiceros. Ao estar asentada nun terreo fértil e favorable, os seus exemplares alcanzan o maior tamaño de todas as razas bovinas autóctonas de Galicia e certa superioridade produtiva, polo que son considerados como os xigantes rexionais da especie bovina.

Debido ao seu gran porte e aptitude de tiro, a raza Limiá foi unha gran exportadora de gando lonxe da súa comarca natural, de tal xeito que os seus bois, coñecidos e aprezados, comercializábanse principalmente no País Vasco e Madrid.

Non obstante, son moi escasas as referencias bibliográficas ás que podemos acudir na procura de información sobre esta raza. Aparece nomeada, aínda que definida como raza ibérica, na Geografía General de Reino de Galicia (Risco, 1928), onde se destaca a súa “gran talla e aptitude para o traballo”.


|
| © Boaga 2018