A Cabra Galega é a única raza autóctona caprina orixinaria de Galicia. A súa importancia radica na súa excepcional rusticidade e na elevada capacidade de adaptación ás zonas que ocupa, onde aproveita uns pastos que dificilmente poderían manter a outros animais.

O representante ancestral desta raza é a Capra aegagrus e máis concretamente a súa evolución no chamado tronco pirenaico, o que deu lugar a un gran número de razas caprinas en España que se estenderon polas zonas montañosas, sobre todo na zona norte da península. Non obstante, determinados caracteres étnicos da raza, como son os cornos de tipo Aegagrus nas femias e a presencia dos de tipo Prisca nos machos, fan pensar na influencia dun tronco antigo distinto.

A adaptación que experimentou a raza ás condicions especiais da orografía e a climatoloxia galegas déronlle as cualidades e características que nos atopamos nos tempos actuais.

Os censos da raza Cabra Galega sufriron as maiores diminucións coincidindo coa redución da cabana caprina na nosa comunidade, que pasou de censos por riba dos 600.000 exemplares no século XVIII aos case 50.000 cos que conta na actualidade. Nese descenso continuo de censos, a Cabra Galega sufriu se cadra moito máis ao non existir un recoñecemento oficial nin unha asociación de criadores que traballara pola súa conservación.

A entrada doutras razas procedentes tanto doutras comunidades autónomas como de Portugal para substituír en moitos casos os sementais existentes nas explotacións e así evitar problemas de consaguinidade fixo que se reduciran os censos da raza ata a situación crítica coa que nos atopamos actualmente.

Os rabaños de cabras en Galicia sempre estiveron ligados ás zonas de montaña, onde se explotaban en “veceiras” (rabaños comunitarios), normalmente de forma mixta xunto ao gando ovino. Tamén existían pequenos rabaños en zonas de menor altitude, xunto con gando bovino, que servían de produción complementaria.

As cabras ocupaban os terreos que non eran aproveitables por outras especies, atopándose os rabaños máis grandes nas zonas de alta montaña onde escaseaban os recursos. A explotación destes animais nas zonas de costa viuse moi mermada na época na que predominaron as utilizacións forestais do monte galego.

Cando se fixeron os traballos de prospección, os nucleos de exemplares da raza atopados correspondíanse coas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense e, máis concretamente, nos Ancares lucenses e na Baixa Limia.