O nome de Cachena utilízase para designar unha poboación bovina estendida no sureste ourensán, nos montes da serra do Xurés, serra de Leboreiro e montes do Quinxo que, ao final da súa regresión censual, quedou practicamente acantoada na parroquia da Illa, máis concretamente na localidade de Olelas, no concello de Entrimo.

Sánchez Belda (1984) sostén que a súa orixe non é coñecida, aínda que polo seu aspecto xeral sitúaa no tronco cántabro por algunhas características comúns a outras razas da mesma procedencia (cúpula nos sementais, cor do pelo...). Pero a súa cornamenta totalmente diferente faille supoñer outra ascendencia e dependencia filoxenética que ben puidera ser a do Bos Primigenius mauritanius, do que derivarían algúns bovinos do norte de África.

As primeiras referencias escritas desta raza encontrámolas na Xeografía Xeral do Reino de Galicia (Risco, 1936). Os datos foran recompilados polo entón inspector de Hixiene Pecuaria e xefe provincial de Gandaría de Ourense, don Javier Prado Rodríguez, "Lameiro", quen entón diferenciaba entre a Cartellá, "provista de grandes cornos branco-amarelentos coas súas puntas negras dirixidas en forma de lira, mucosas aparentes de cor negra, capa colorada, cabeza chata con ollos oblicuos, colo robusto provisto dun amplo repregamento cutáneo (papada, barbadela), extremidades curtas, tronco voluminoso de raque horizontal e grupa ben desenvolvida e carnosa", e outra raza que describe como "vaquita liliputiense, rústica, que vive en liberdade en pastoreo constante nas montañas do concello de Entrimo e que, á parte do seu diminuto talle, ofrece como signo característico unha franxa ao longo da cara de coloración máis baixa que o resto da sua capa castaño-escura e unhas liñas negras arredor dos ollos coma se a res levase lentes de grosa montura".


|
| © Boaga 2017